Que día de Reis tan distinto a tódolos que levamos vivido!!!
Pasámolo tan ben e estamos tan entretidos e ocupados con tal cantidade de sensacións novas e gratificantes que non somos conscientes de que esta pasada foi a Noite de Reis e de que hoxe, se estiveramos na casa, madrugariamos para ver que nos deixaron…
Para nós este ano é un día máis, outro día cheo de “regalos” que non están envoltos pero que igualmente nos enchen de ilusión…
De novo fixo un día de sol, comprobamos a temperatura exterior de 30ºC e metemos o termómetro na piscina para ver que pasaba un chisco de 22º. É incrible!!
Nesta mañá rematamos os pouquiños deberes que aínda nos quedaban, lavamos a roupa destes días e desfrutamos moito da piscina que tanto nos gusta.
Pola tarde fomos camiñar ó Paseo da Guancha que estaba abarrotado de xente, principalmente nenas e nenos que corrían arriba e abaixo nas súas bicicletas novas. Pasamos un pedazo moi agradable dando de comer sardiñas ós pelícanos e mais a uns grandes peixes que habitan no porto.
O sol púxose estando aínda alí, a carón do mar, e voltamos para a casa cando xa era de noite para preparar a cea e desfrutar doutra agradable velada ceando fóra, no entorno da piscina e cunha temperatura moi agradable, 20ºC.
E cun pouco de pena porque comezamos a verlle o final a estas dúas semanas tan especiais, deitámonos e descansamos para poder aproveitar ó máximo o pouquiño tempo que nos queda aquí (sniff).
Ata mañá!!