1.1.11

VENRES, 31

Un estupendo día de praia!!!

Así como tiñamos previsto, saímos arredor das 9:00h. despois de cargar o coche cos bañadores, toallas, máscaras de buceo, algunhas cervexiñas e refrescos, algo para picar… Saímos polo suroeste da illa e non paramos ata chegar a La Parguera, unha zona con impresionantes “cayos” (illas que son manglares, os mangles enraízan no mar e van creando así uns illotes totalmente cubertos por esta especie vexetal tan particular e propia destas latitudes).

Antes de achegarnos ó mar subimos ata un punto un pouquiño alto para contemplar unha impresionante panorámica desta zona do Mar Caribe.


Chegamos ó embarcadeiro e alí alugamos un bote co que navegamos ata "Cayo Mata la Gata” onde nadamos e buceamos ó par dunha raia e doutros peixes de cores dos que non sabemos o nome, atopamos tamén unha caracola enorme, corais, algas de distintos tipos…



Despois de tomar un aperitivo na lancha, navegamos de novo rumbo a “Cayo Caracoles” que é impresionante, entre os mangles atopamos pasadizos polos que é posible atravesar nadando e observando un fondo mariño realmente sorprendente: brancos corais, peixes raiados negros e amarelos, peixiños de cor lila cun brillo especial, outros máis grandes e que se camuflan entre as raíces do mangle, caracoliñas de cores… Mesmo parecía que estabamos a bucear dentro dun acuario de peixes tropicais!!!


Antes de devolver o bote navegamos outro pedazo contemplando as augas cristaliñas e a preciosidade de vivendas sobre a auga coa barquiña a carón da porta…



Regresamos a casa pola tarde e fomos buscar a Cea de Noitevella que tiñamos encargada, despois descansamos un pouquiño na casa lendo, debuxando, xogando ó billar, enredando no ordenador, na consola… para non chegar á noite excesivamente cansos e así poder desfrutar da despedida do ano. Ah, tamén vimos –ás sete da tarde- as badaladas televisadas desde a Porta do Sol de Madrid polo Canal Internacional e imaxinámonos a tanta xente querida brindando e desexando un feliz 2011, con eles -con vós- queremos compartir eses bos desexos. Nós esta vez chegaremos a el cinco horiñas máis tarde…

Preparamos despois para cear e xuntámonos trece persoas na pérgola a carón da piscina, foi unha Cea moi especial e diferente da maioría das que levamos vivido.



Cando ía ser medianoite entramos para a casa e, a falta de badaladas, sacamos de tixola e Carlos encargouse de “tocalas” mentres os demais comiamos as “uvas da sorte”.



A continuación felicitámonos o ano e saímos de novo para fóra brindar con champán e queimar uns petardos que tiñamos para a ocasión.


E así demos por rematado o día e tamén o ano.

Ata mañá e FELIZ 2011.


Sem comentários: