Menuda excursión a de hoxe!!!! A iso das nove da mañá saímos en plan aventura e nesta ocasión fixémolo os seis sós, no coche e con intención de facer quilómetros descubrindo a parte máis interior e montañosa de Puerto Rico. Despois do almorzo e de botar unha partidiña de billar, acomodámonos no coche para iniciar esta longa viaxe.
A primeira parada, tras a frustrada visita a unha “hacienda” na que se cultiva café pero que non fixemos porque teriamos que esperar unha hora e media para acceder ás instalacións, foi na localidade de Adjuntas, unha vila que atopamos ó adentrarnos na Cordilleira Central e que resultou ser pequena e con marcado carácter rural. Alí descansamos nuns bancos rotulados con anuncios o que nos fai pensar que quizais as empresas anunciadoras doen os bancos a cambio desta publicidade (teremos que confirmar esta hipótese non vaia ser que sexa unha invención nosa).
A segunda parada foi para admirar as impresionantes plantacións de plátanos e café ademais de “estirar as pernas”. A verdade é que nos pareceu sorprendente a riqueza deste país e concretamente desta zona interior, as plantas alcanzan uns tamaños impresionantes, os fieitos parecen árbores, as follas dalgunhas especies miden máis de medio metro de diámetro, o bambú ten un grosor alucinante… Imaxinamos que grazas a esta vexetación non cede o terreo e se vén todo abaixo pois o camiño é especialmente duro en todo o percorrido: estradas moi estreitiñas e medio cubertas de musgo, grandes pendentes, zonas con desprendementos… Unha paisaxe impresionante!!
E en moito máis tempo do previsto, chegamos á localidade de Lares que é famosa pola visita dos Reis Magos e tamén pola “Heladería Lares” que nos fixo lembrar o establecemento do “Rei das Tartas” en Mondoñedo pois as súas paredes están cheas de fotos con xente de sona, artigos en prensa, diplomas… Tivemos que gardar cola durante un pedazo pois é moita a xente que chega aquí con intención de probar algún dos arredor de mil sabores que din ofrecer e entre eles hainos tan exóticos como o de bacallau, arroz con habichuelas, batata, polo, cabaza, piña, cenoria… Sen dúbida, trátase dun lugar moi pintoresco.
Despois desta paradiña continuamos viaxe cara ó norte pasando por San Sebastián e collendo dirección Mayagüez pero sen parar en ningún destes dous lugares. Onde si paramos foi na praia de Joyuda en Cabo Rojo pois cando estabamos próximos a ela vimos que o sol estaba a piques de poñerse e decidimos intentar ver a posta de sol desde esa bonita praia coa Isla de Ratones en fronte. Alucinante!!!
Desde este precioso lugar e despois de tomar un reconstituínte a carón do mar, marchamos de volta para Ponce pero aínda non o fixemos polo camiño máis curto, bordeamos a costa e chegamos cansos, moi cansos pero contentos con esta nova experiencia.
Na casa esperaban por nós para cear fóra, ó aire libre e inmediatamente despois ter oportunidade de queimar as últimas enerxías na auga da piscina á luz da lúa…
Dirían por aquí que o día estivo “bien chévere”.
Ata mañá!
Sem comentários:
Enviar um comentário