2.1.11

SÁBADO, 1

Menudo día de relax!!! A verdade é que a cidade tamén permaneceu durmida durante boa parte do día.

Nós erguémonos arredor das 10:00h. e entretivémonos na casa facendo deberes, xogando, lavando roupa, organizando a viaxe a Illa Culebra pois xa é para pasado mañá que temos reservado un apartamento no que estaremos ata o día 5 á noitiña. Eses tres días tamén nos fan especial ilusión, serán moi enriquecedores sobre todo no que se refire á descuberta de natureza terrestre e principalmente mariña. Decidimos como organizar o almorzo, xantar e cea de cada día facendo tamén a lista do que precisamos mercar mañá para levar. Procuraremos non esquecer a cámara subacuática!!!

Antes de xantar achegámonos ó Centro e paseamos polas rúas e prazas case desérticas baixo un sol asfixiante, así foi que chegamos de volta á casa moi acalorados e dispostos a darnos un refrescante chapuzón na piscina para, a continuación, xantar e continuar en “modo tranquilo”.

Pola tarde só saímos para desprazarnos ata o Paseo da Guancha que é o Paseo Marítimo de Ponce, alí atopamos moita xente que paseaba, nenos e nenas xogando, postos onde tomar algo e tenderetes de artesanía; o ambiente era moi festivo e a temperatura moi agradable, resultou un paseo ben bonito.

E de volta a casa preparamos para cear e non tardamos moito en deitarnos. O día foi tan relaxado que tamén lle dei descanso á cámara de fotos co que só podo ofrecervos estas dúas: unha feita pola mañá na Praza de Ponce e outra do solpor no Paseo da Guancha.


Mañá retomaremos a nosa actividade habitual e, daquela, teremos tamén máis cousiñas para contarvos.

Boas noites!!!

Sem comentários: