Así como tiñamos previsto, levantámonos hoxe con intención de saír de excursión. Almorzamos e preparámonos para subir ó coche e achegarnos nel ata o Centro Cerimonial Indíxena de Tibes que non puidemos visitar o martes pasado por mor da chuvia.
A visita foi espectacular. Comezámola no museo onde, ademais de multitude de restos arqueolóxicos atopados aquí en 1975 tras o paso da tormenta tropical Eloísa, puidemos ler moitísima información sobre as distintas culturas que poboaron Puerto Rico desde hai miles de anos e ata chegar ós indios “taínos” que eran os poboadores desta terra cando chegou Cristóbal Colón. Completamos esta información cun vídeo explicativo e posteriormente cunha visita guiada por este Centro Cerimonial que tanto nos ensinou. Foi unha explicación moi didáctica á vez que cargada de información histórica, cultural e botánica. Unha marabilla!!!
Saímos de alí cargados de información e dirixímonos á Cruceta do Vixía e Xardín Xaponés. Na primeira contemplamos a súa inmensidade e subimos no ascensor panorámico desfrutando dunhas boas vistas da cidade de Ponce e parte do Mar Caribe.
No xardín gozamos da tranquilidade que alí se respiraba, admiramos multitude de bonsais e escoitamos de fondo unha relaxante música xaponesa. Resultounos moi agradable.
Cando rematamos estas visitas xa era tarde e voltamos para a casa para picar algo e darnos –como xa vén sendo habitual- un bo chapuzón na piscina que sempre nos presta un montón… Hoxe prestounos un pouquiño menos porque Paulo tivo a mala sorte de que lle picou unha avespa nunha deda e a dor foi grande, de todos modos, pasado ese primeiro momento a dor foi a menos e axiña estivo reposto de novo.
Pola tardiña saímos mercar para preparar definitivamente a intendencia e víveres para irmos estes tres días a Illa Culebra. Preparamos entón o avituallamento e tamén a equipaxe que xa deixamos lista de hoxe pois mañá ás 5:30h. intentaremos estar en pé para saír en coche pouco despois das 6:00h. cara a Fajardo onde temos que coller o ferry que nos levará ata a illa. Cremos que nos esperan alí tres días que, sen dúbida, serán inesquecibles e formarán unha parte ben importante de tódolos recordos e impresións que nos levaremos desta terra que tan ben nos acolle e tanto nos ensina. Estamos encantados!!!
E con este sentimento despedímonos hoxe sabendo que seguramente non será ata mañá, quizais ata a volta de Illa Culebra onde esperamos descubrir fondos mariños coma este:
Boas noites!!!
1 comentário:
Belén
disse...
Ola amigos. O noso ordenador "morreu", e entón pasaremos uns días sen el. Hoxe vin ao instituto e entón aproveitei para seguir disfrutando con vós desta viaxe. A partir do día de hoxe teredesmo que contar de "viva voz" cando volvades. Seguideo a pasar ben. Bicos
1 comentário:
Ola amigos. O noso ordenador "morreu", e entón pasaremos uns días sen el. Hoxe vin ao instituto e entón aproveitei para seguir disfrutando con vós desta viaxe. A partir do día de hoxe teredesmo que contar de "viva voz" cando volvades.
Seguideo a pasar ben. Bicos
Enviar um comentário