Vaia madrugón!!! Ás 5:30h. comezamos este novo e prometedor día; despois de tomar un pequeno almorzo, cargamos o coche e ás 6:15h. saímos rumbo a Fajardo que é o lugar desde o que hai comunicación por ferry con Illa Culebra. Atravesamos de novo Puerto Rico, esta vez cara ó nordeste, pasando polas localidades de Caguas e Humacao.
Chegamos a Fajardo arredor das 8:30h. mentres chovía de xeito torrencial, desde o aparcamento ata o porto puxémonos pingando, a auga corría pola estrada entrando e saíndo das nosas sandalias… Unha vez no embarcadeiro, secámonos e tomamos un café quentiño que nos sentou de marabilla; a verdade é que aínda que chova non se sente frío e a mesma auga da chuvia parece que cae morna.
Polas noticias que escoitamos cando iamos no coche temiamos ter problemas para navegar pois o barco anterior ó noso, “Fajardo II”, saíu ás 20:00h. de onte pero sufriu unha avería que o mantivo á deriva ata que conseguiron amarralo a un “cayo” e así pasaron a noite os pasaxeiros ata que pola mañá puideron remolcalo ata Illa Culebra… Por esta razón o noso barco zarpou cunha hora de retraso e atracamos pouco despois que o anterior, isto fixo que atopásemos a zona acordoada e as cámaras da televisión entrevistando a pasaxeiros e tripulación… A nosa travesía estivo marcada polo mar de fondo e temporal existentes. O barco era moi grande pero “saltaba” no mar como se dunha planeadora se tratase, a tripulación ía agarrada ás barandillas desprazándose dun lado a outro para repartir bolsas de mareo pois alí fomos moi pouquiñas as persoas que non chegamos a vomitar… A pesar de todo, foi unha viaxe ben bonita.
Unha vez en terra subímonos a unha furgoneta un tanto estartalada pero que nos levou ata Flamenco Beach Villages que é onde pasaremos estes días.
Vaia lugar máis chulo!!! A praia é impresionante, a area moi branca e fina, augas cor turquesa, ceo azul intenso, palmeiras… é a típica estampa de praia caribeña!!! Como non dou atopado palabras para describir tanta beleza, deixovos un enlace á súa web para que vos fagades unha idea… http://www.culebrabeachrental.com/esp/index.htm
A pesar do retraso na chegada do barco tivemos que esperar aínda un pouco para ocupar o apartamento, así que o tempo de espera empregámolo comendo uns bocatas, tomándonos un “coconut” ben frío e paseando pola paradisíaca Praia Flamenco.
Unha vez que puidemos acomodarnos no apartamento, axiña nos preparamos para baixar á praia e desfrutar un montón nadando nunha praia con oleaxe e observando como os pelícanos planean pola praia e se botan ó mar en canto localizan un peixe. Carlos e mais eu fixemos unha pequena escapada fóra da zona indicada con boias para bucear admirando un fondo mariño espectacular. Fixemos prácticas coa cámara subacuática e esperamos melloralas mañá que adicaremos o día practicamente completo a mergullarnos nestas augas cristaliñas.
Tras poñerse o sol neste lugar tan agradable e especialmente bonito, marchamos da praia para ducharnos, preparar camas, facer cea e deitarnos cedo porque o día deixounos baldados. Durmiremos ben, cansos e arrolados polo vento que zoa con forza facendo que se mesture o son das ondas co das palmeiras que se bambolean na oscuridade da noite…
Ata mañá!!!
Sem comentários:
Enviar um comentário