6.1.11

MARTES, 4

Teño a sensación de ter botado hoxe máis tempo no fondo do mar que na superficie!!!

Nada máis nacer o día e despois de sacar unhas fotos desde o balcón, almorzamos para saír de excursión a unha nova praia.



Chamamos á mesma furgoneta que nos trouxo onte desde o porto e que hoxe se encargou de levarnos ata a Praia Tamarindo, saímos destas cabanas polo único camiño que chega aquí e que é de terra, furados e case cuberto de exhuberante vexetación (seica non pode ser asfaltado por tratarse dun paso para especies animais protexidas), observamos a Lagoa Flamenco e subimos un montículo para volvelo baixar e aparecer así na praia, non sen antes parar a contemplar unha iguana que descansaba no medio da estrada…



A praia é totalmente salvaxe, mantense así grazas a que está catalogada como Reserva Natural estando protexida tanto a fauna como a flora. Non había xente nela e desfrutamos moitísimo buceando por un fondo mariño realmente espectacular e indescritible.











Despois de máis dunha hora na auga sen apenas pousar os pés no chan, despois de pasear pola praia desfrutando da tranquilidade dun lugar tan marabilloso, despois de experiencias tan enriquecedoras, viñeron buscarnos na furgoneta como conviñeramos para retornar ó apartamento. Alí preparamos o xantar e fixemos “sobremesa” ata volver para a praia, desta volta exploramos a parte esquerda da Praia Flamenco.



Nadamos e buceamos de novo tras unha longa camiñata durante a cal descubrimos unha poza de auga estancada na que localizamos oito ou nove tartarugas, vimos tamén alí mesmo unha gran zona vallada prohibindo traspasala e advertindo do perigo de tocar obxectos descoñecidos xa que pode haber artefactos explosivos que quedaron das prácticas feitas alí xa que esta illa, e tamén Vieques, foron utilizados durante moitos anos, e ata hai relativamente pouco tempo, polas tropas estadounidenses para facer prácticas militares.

Despois doutra ración de buceo nestas augas cristaliñas, voltamos camiñando polo “bosque” ata o apartamento, aproveitamos a camiñata para recoller pauiños que xuntamos co groso tronco de bambú que onte colleu Paulo e con todos eles fixemos lume nunha parrilla para prepararmos uns “pinchos morunos” de nubes (ou malvaviscos que é como lles chaman por aquí), fxémolos ó espeto e prestáronnos tanto como o feito de podermos xogar co lume…



Aproveitamos as brasas para cociñar tamén uns "perritos" que nos serviron de aperitivo para continuar coa cea unha vez na casa.

Deitámonos de novo cansos, moi cansos despois desta esgotadora xornada pero tamén tremendamente contentos e repletos de novas vivencias e sensacións.

Boas noites!!!

1 comentário:

Os Tartarouchos disse...

Aiiii, pero que marabillas, Sabela! Menudas experiencias, familia, e as tartaruguiñas... que sorte velas así!