Hoxe ás 7:30 xa estaba Paulo vestido lendo “Gerónimo Stilton” e ás 8:00 todos en pé preparándonos para iniciar viaxe a San Juan baixo un sol espléndido e cunha luminosidade impresionante.
Saímos os oito no coche súper-familiar que temos estes días e ás 11:00 xa estabamos no aeroporto para recibir ó primo Moncho que chegaba de Miami onde estudou e agora desenvolve interesantes traballos de investigación con células…
Comezamos a continuación a visita ó famoso Morro, unha tremenda fortaleza construída polos españois a partir do ano 1533 coa finalidade de protexer as Antillas e o Mar Caribe; desde entón loitaron e gañaron diferentes batallas contra os distintos pobos que intentaron a invasión deste territorio: ingleses en 1595 e 1598, holandeses en 1625 e de novo británicos en 1797. O ataque que non foron capaces de vencer foi o de EEUU durante a Guerra Hispanoamericana de 1898 polo que, desde entón, Puerto Rico convertiuse en territorio de EEUU.
Despois paseamos polo Vello San Juan contemplando esta bonita cidade que é capital da illa, chamaron a nosa atención as casiñas antigas pintadas de diferentes cores e decoradas con moito gusto, as pombas da Praza de Armas que non recelaron en comer grans de arroz con “caspa”, o Paseo da Princesa, a Casa do Gobernador, a Capela do Cristo…
Uns indicadores leváronnos a visitar un Nacemento creado con moito gusto e cheo de detalles, estaba no Convento das Servas de María e alí atopámonos cunha monxiña maior que dixo ser de Astorga, foi moi amable e ensinounos todo aquilo con moito orgullo, as vistas desde o convento son incribles…
Cando empezou a anoitecer e nós tamén comezabamos a acusar o cansancio, fomos ata casa de Jamiel (irmán de Enid), Lilian e Heidi que viven nunha desas preciosas casiñas do casco vello de S. Juan. Levabamos o “equipo” necesario para preparar unha paella e alí nos xuntamos arredor de vinte persoas para cear, rir e conversar durante unhas horiñas...
Sen dúbida, foi unha velada moi agradable coa que puxemos fin a unha nova xornada que tamén vai ser memorable para todos nós. A viaxe de unha hora e media para regresar a Ponce foi silenciosa e chegamos cansos, contentos unha vez máis e con moitas ganas de descansar.
Ata mañá!
Sem comentários:
Enviar um comentário