Xuntos de novo, fixemos cola no mostrador de facturación coas nosas mochilinhas, pasaportes, documentación de visado e así conseguimos as tarxetas de embarque coa pouca sorte de non podermos sentar xuntos. Carlos e Iago van sós e distantes dos demais, Paulo e Ánxela sentan xuntos e Rosalía e mais eu xuntas tamén pero catro filas máis atrás deles. De todos modos, a non ser para despegar e tomar terra, puidemos compartir moitos momentos destas once horas de voo, horas que non se nos fixeron interminables grazas ós múltiples enredos que atopamos: facer e colorear debuxos, colocar pegatinas, escoitar música, ver películas, xogar coas consolas…
Desde Madrid ata Santo Domingo (República Dominicana) percorremos case 7500 quilómetros en aproximadamente 9 horas, unha vez que tomamos terra nin sequera baixamos do avión para continuar voo ata San Juan (Puerto Rico) o que supuxo unha hora máis de viaxe de maneira que aterramos sen contratempos ás 19:30h. (hora local) que equivalía ás 0:30h. dos nosos corpos. O “retraso” tivémolo no Control de Aduana pois había poucos policías e iso fixo que estiveramos dúas horas e media á cola para finalmente conseguir a entrada nos EEUU.
Enid e Moncho xa nos esperaban na Terminal e con eles continuamos viaxe cruzando a illa de norte a sur para chegar á súa casa en Ponce unha hora e media máis tarde. Que temperatura máis agradable e que ben recibidos fomos!!!
Os pequenos tomaron unhas froitas e deitáronse cansos, moi cansos, mentres nós aínda nos puxemos de contos un par de horiñas máis. A pesar de que o cansancio era moito, tamén eran enormes as ganas de vernos e conversar…
Mañá será outro día!
Sem comentários:
Enviar um comentário