O almorzo supuxo un bo reconstituínte para comezar o día con forzas e non sen antes sorprendernos cando tía Enid dixo que debaixo da árbore había uns paquetiños aínda sen abrir e cos nosos nomes… A piques estivemos de comezar a crer en Santa Claus!!!
Axiña estivemos preparados para saír e aproveitamos o desprazamento para adentrarnos pola illa descubrindo currunchos como este no que paramos a mercar deliciosas piñas na beira da estrada.
Pouco despois chegamos a Boquerón, mercamos o correspondente tique para acceder á praia e alí nos instalamos entre palmeiras e cocoteiros alucinando coas grandes diferenzas entre Galicia e esta illa caribeña.
Por fin puidemos nadar neste mar de auga morna nunha praia case desértica nun día coma hoxe, rodeados de maxestuosas palmeiras e sorteando cos pés cunchas e corais.
Desde alí fomos a un restaurante sobre o mar e de novo para a casa, agora polo camiño máis curto e rápido.
Xa na casa, os máis valentes bañáronse na piscina para sacar o sal do mar e xogaron un bo pedazo na auga.
Despois, vestidos e secos, xogamos polo xardín observando a natureza que nos rodea e o diferente que é da que estamos afeitos a ver. Para mostra, este verme chamado “carterpilar” deducimos que de aí debeu sacar o nome a gran empresa fabricante de maquinaria… tamén escoitamos un que outro “coquí”, esas ras pequeniñas e típicas desta illa que teñen un canto harmonioso e especial…
Descansamos un pouquiño e a continuación preparamos para cear fóra, comemos a carón da piscina e cunha temperatura moi agradable. Que rico!!!
4 comentários:
Mochilinhas, un bico moi grande, estou disfrutando un montón lendo as vosas aventuras...o que máis me gusta é esa auga morniña para bañarse, apta 100% para frioleiras coma min .... vou meter o radiador na miña oficina que me están entrando unhas ganas de poñerme en manga curta.....:O)
unha aperta grandota
rosana
qué gustiño me da ler....paréceme que case toco a auga....mmmmm...sígovos dende o frío, non o dubidedes. E grazas pola felicitación.!!
Moitos bicos e pasádeo moi pero que moi ben nesas marabillosas terras do caribe....
E aquí a 5º baixo cero...
A verdade é que sentimos "envexa" por todo o que nos contades,e vervos en manga curta...
A seguir disfrutando da viaxe e a seguir contándonola. Biquiños
Que gusto saber que estades aí!!! Rosana, Marián, Belén... moitos bicos tamén para vós e grazas por seguirnos.
Enviar um comentário