29.12.10

MARTES, 28

Vaia maneira de chover!!! Desde pola mañá ata mediodía choveu con moita intensidade e iso fixo que nos resultase doado entender a razón pola que hai tanta e tan exuberante vexetación neste país…

Intentamos visitar varios lugares pero non nos foi posible facer máis que un percorrido en coche, queriamos ir ó “Centro Cerimonial Indíxena de Tibes” e quedamos nas portas porque era impensable baixar do coche para camiñar polo poboado, deixámolo entón para outro día. Decidimos subir ata a “Cruceta do Vixía” que non é especialmente bonita pero ten o encanto de que tío Moncho forma parte do equipo de enxeñeiros que a deseñou; tampouco puidemos visitar o “Castelo Serrallés” porque estaba pechado e entón baixamos á cidade pretendendo entrar no “Museo de Arte de Ponce” que xustamente pecha os martes. Continuamos o percorrido pasando ó pé do “Obelisco da Abolición da Escravitude” e a “Ponte dos Leóns” para chegar ó “Museo da Música Portorriqueña”, alí vimos que abre de mércores a domingo e démonos de conta de que o mellor plan pasaba por volver á casa mentres a chuvia seguía a arreciar con forza :(



Alí os pequenos xogaron ó billar, lemos, organizamos o día de mañá que prevemos será moi completo e preparamos o xantar mentres o sol comezaba a saír por entre os nubarróns quentando xa con forza pois, a pesar da chuvia, non deixou de facer calor. Puidemos así xantar fóra e refrescarnos na piscina unha vez máis, a temperatura da auga era de 24ºC





Despois saímos de novo no coche e nesta ocasión levamos raquetas e pelotas para pasar unhas horiñas no Club Deportivo de Ponce onde xogamos ata o anoitecer…








De volta na casa ceamos a carón da piscina escoitando o canto do Coquí que non puidemos ver aínda que si as innumerables lagartixas que tamén se asomaron grazas á humidade.



Deitámonos cansos e non moi tarde para estar en plena forma de cara a afrontar a xornada de mañá en San Juan.

Boas noites!!!

4 comentários:

Sara disse...

Jo Sabela,estou lendo o teu blog(impaciente cada noite, a ver se contas as aventuras dun novo día) cunha envexa inmensa! Que viaxe máis linda estades facendo! biquiños dende Santiago onde seguimos en inverno, non o esquezades!!!

Belén disse...

Pois sí, isto crea adicción...é máis da unha da mañá, íame deitar, pero non puiden resistirme a parar diante do ordenador e a ler, un día máis, o voso diario.
Gústame moito unha das fotos que nos ensinades; esa combinación de camelos e reis magos mesturado con ese aspecto tan veraniego de Rosalía.
Ata mañá amigos

Sabela disse...

Oh! Non sabedes como presta ler os vosos comentarios e saber que nos seguides día a día. Deste xeito tamén eu me sinto máis animada a escribir, de todos modos hoxe non son capaz, chegamos moi tarde e mañá espéranos outro día de excursión que require estar descansadas/os...
O que si teño son forzas, moitas forzas, para enviarvos un bico ben grande e moitas grazas por "virdes con nós".

Unknown disse...

Que envexa a calor que pasades pero tantos bichos grandes.... quedome cos bichos da nosa terra. Sodes incribles, pasades o verán ao fresco, o Nadal en bañador, xa non sei com o nos ides sorprender na próxima viaxe pero non hai duda de que o faredes. Bicos tamén da tía Pepita.