28.12.10

LUNS, 27

Seguimos co chip madrugador posto así que ó pouco de nacer o día, xa estabamos nós rebulindo tamén e dispostos a iniciar outra xornada intensa, calurosa e moi divertida.

Despois de almorzar tivemos un pequeno “momento deberes” mentres papá foi con tía Enid buscar o coche que alugamos por unha semana intentando así evitar o ter que saír sempre nos dous coches deles. É grande e hoxe desprazámonos durante todo o día os oito xuntos nel. Que divertido e cómodo nos resulta!!!

Pola mañá fomos ata o centro de Ponce e alí paseamos por rúas e prazas parándonos tamén no Mercado para mercar froitas, verduras e alucinar co xenerosa que é a terra portorriqueña, tamén nos sorprende a lingua e falamos de facer un glosario de termos aquí utilizados e que son para nós tan bonitos como descoñecidos: guineos (un tipo de plátanos), chinas (laranxas), ñapa (propina)…



Visitamos a continuación o Parque de Bombas que funciona actualmente como museo no que se conservan documentos, ferramentas, fotografías e obxectos relacionados cos bombeiros e de gran valor histórico.

Descansamos despois contemplando o ir e vir da xente e mailos costumes da xente desta cidade señorial que é Ponce.


Regresamos a casa e preparamos algo para xantar mentres os máis valentes se daban un chapuzón na piscina…

Despois da comida refrescámonos todos mentres desfrutamos da sobremesa.

Saímos de novo e esta vez para visitar unha localidade próxima chamada Juana Díaz, disque é terra de poetas e famosa tamén polos Reis Magos que gozan de gran popularidade e estatuas que os representan en diferentes puntos da vila. Alí tomamos un xeado e contemplamos a ornamentación navideña con innumerables luces e impresionantes decorados.

De volta a casa preparamos algo de cear e tivemos unha agradable velada da que o máis salientable foi o baño nocturno.

Hai que ver que cantidade de experiencias incribles e enriquecedoras estamos a vivir!!

E así de fresquiños e cansos, deitámonos esperando un novo día que, sen dúbida, virá cheo de sorpresas e aprendizaxes.

Ata mañá!


1 comentário:

Tartaruga disse...

Fáiseme raro ver un Ndal quentiño, cos Reis Magos abrigados e vós en camisolas, Sabela, a vós fáisevos igual de raro?
Pero dende logo apetece ir convosco :)